Á violencia de xénero… dille NON!

Por 28 Decembro, 2018 Maio 8th, 2019 Novas

O Concello de Rodeiro acolle a exposición “Á violencia de xénero, dille non”, unha iniciativa que chega a Rodeiro a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia para concienciar á mocidade sobre os estereotipos tan nocivos que embazan as relacións de parella, tamén na adolescencia e na mocidade.

Once paneis, de 70 x 100 centímetros, mostran a través dunha selección de fotografías unha realidade social que só pode ser freada a través dun rexeitamento colectivo. Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato: os estereotipos caducos e os mitos enganosos que a xente maior cre erradicados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante.

Nos carteis reflíctense formas de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen as sofre e, nalgunhas ocasións, tamén a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia.

Á violencia de xénero dille non!” pretende axudar á mocidade para recoñecer, identificar e rexeitar condutas tóxicas como o control, a manipulación, o abuso, a “sextorsión”, a chantaxe emocional e outras formas de malos tratos.

Esta exposición poderase visitar dende o 28 de decembro ata o 14 de xaneiro no salón de actos do Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares.