Alberte montes presenta “galego pode selo calquera”

24 Xullo, 2017 Concello de Rodeiro
cartel-cultura-recuperado

O Concello de Rodeiro organiza unha nova actividade cultural a cargo do humorista Alberte Montes o vindeiro venres 28 de xullo ás 21:00 horas no Centro Cultural Municipal. Presenta o seu espectáculo “Galego pode selo calquera”.

SINOPSE

Ser galego é doado? Depende.

Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado doutros pobos e culturas que nos rodean. Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas.

Ata non hai moito pensábase que a baixa autoestima dos galegos era crónica pero Alberte Montes demostraranos dende o humor que non é así. Este mal ten cura e poderedes comprobalo. Ser galego non é só pararse na escaleira e facer crer á xente que non sabemos se subimos ou baixamos, para ser galego hai que reunir moitas máis aptitudes.

——

Alberte Montes é un dos humoristas emerxentes do país, traballou con Buenafuente e colabora puntualmente para a TVG; Estivo o pasado ano na serie “Augasquentes”  e actualmente está grabando a serie de Atresmedia “Fariña”. Como monologuista ten 2 monólogos no canal temático COMEDY CENTRAL e prepara xa o terceiro. Ademais de teatro, cinema e publicidade leva 8 anos como monologuista por toda España.

Esta actividade forma parte do Programa Cultura no camiño 2017, organizado polo Concello de Rodeiro e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.