Axudas básicas de emerxencia 2018

22 Agosto, 2018 Concello de Rodeiro

A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Rodeiro unha subvención de 5000 € para gastos correntes e de 1400€ para investimentos, solicitada a través da convocatoria de  axudas básicas de emerxencia 2018 (BOPPO do 2 de abril de 2018).

O obxectivo de ditas axudas é o de proporcionar aos concellos de menos de 20.000 habitantes apoio económico, de maneira excepcional e extraordinaria, para poder atender as demandas de urxente e puntual necesidade da cidadanía do concello que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas  con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.

As persoas usuarias ou beneficiarias destas axudas teñen que cumprir os seguintes requisitos; persoas maiores de idade empadroadas no Concello de Rodeiro, que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios do concello e que carezan de ingresos suficientes para lles facer fronte aos gastos polos que se solicita a axuda.

Daráselle prioridade a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo.

Dentro da tipoloxía das axudas, contémplanse as seguintes liñas: alimentación, uso da vivenda, pago de recibos, pago de produtos de hixiene e limpeza, pago de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pago de desprazamentos, pago de lentes e audiófonos, pago de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pago de produtos de apoio e axudas de apoio á infancia.

Para recibir máis información sobre este tipo de axudas calquera veciño ou veciña pode dirixirse ao departamento de servizos sociais municipal.