92-f-museoO museo municipal do Concello de Rodeiro foi inaugurado o 19 de decembro de 1998 polo Excmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, D.Manuel Abeledo, sendo Alcalde do Concello de Rodeiro D.Eliseo Diéguez García.

Está situado no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”, xunto á biblioteca e a casa da cultura.

A meirande parte do material arqueolóxico proviña da recopilación que fixera polos anos setenta o mestre da Latiza, Rodeiro, D. Xulio Lois, materiais que estiveron expostos na casa escola da Latiza e na planta baixa das dependencias municipais. Todo este material e as aportacións dos veciños son a base para a creación deste museo ou colección visitable.

No referente ás fontes de financiación, cómpre dicir que o museo depende do concello. Polo tanto, tódolos gastos ocasionados polo mantemento das instalacións, persoal ou outros gastos derivados de reformas ou obras son sufragados con cargo a partidas orzamentarias dos Presupostos municipais.

Neste momento non existe unha partida destinada ó museo, de modo que os gastos ocasionados se engloban en gastos xerais de mantemento de instalacións.

O Concello de Rodeiro non conta con ningún padroado que asegure o mantemento do museo.

En canto ó regulamento interno, o Concello de Rodeiro quere legalizar o museo ou colección visitable e logo proceder á creación dun regulamento interno.

O horario de apertura ó público é de 9:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 de luns a venres. Este horario é válido para todo o Centro Cultural Municipal.

O Museo Municipal de Rodeiro dispón de tres salas de exposición permanentes, adicadas cada unha delas a un tema monográfico diferente.

A sala principal céntrase na arqueoloxía e nos restos materiais máis antigos do Concello. A sala de pintura amosa unha ampla colección de cadros doados polo pintor José Luis Vázquez Vázquez, coñecido artísticamente como “Vilaseco”. A sala de etnografía expón numerosos apeiros típicos da vida rural tradicional en Rodeiro.

As orixes da colección arqueolóxica do Museo Municipal de Rodeiro recúan máis de tres décadas no tempo. Ó longo dos anos setenta e oitenta do pasado século, o mestre local Julio Lois Meijomil, grande afeccionado á arqueoloxía, reuníu unha serie de restos dispersos, gardándoos na escola da Latiza. Así nacería o que el, con moito agarimo, esforzo e adicación, chamaba Museo “A Mámoa”. Logo do seu pasamento, o Concello recuperou parte desta colección, que ficaría exposta durante varios anos na Casa Consistorial. Posteriormente, procedeuse ó seu inventariado e as pezas foron trasladadas en 1998 ó Centro Cultural Municipal, onde foron catalogadas e agora se expoñen, para deleite público e gratuíto de todas aquelas persoas que queiran visitarnos. Todo este material e as aportacións dos veciños son a base para a creación deste museo.

A sala de pintura ou “Sala Vilaseco” ten a súa orixe na xenerosa doazón de diversas obras relacionadas coa vida de José Luis Vázquez Vázquez, que o propio pintor fixo ó Concello de Rodeiro. Os cadros representan maioritariamente diversas esceas costumbristas da vida tradicional no rural galego: Romarías, procesións, foliadas…

A sala de etnografía, a de máis recente creación, amosa numerosos aparellos, ferramentas e trebellos da cultura popular no Concello. Entre outras cousas, pódense ver a práctica totalidade de instrumentos que eran empregados no ciclo do liño, que acadou especial importancia e desenrolo en Rodeiro: Ripos, mazos, espadeleiras, restrelos, fusos, rodas de fiar, sarillos, devadoiras, caneleiras, urdideiras, espalladeiras, un caixal, un tear… Ademáis inclúense tamén diversas ferramentas de carpinteiro, unha colección de foséis e minerais, a historia da peseta e varios documentos antigos da administración local.

Ara Romana

Fragmento superior de ara votiva de granito (22x23x15 cm.), foi reutilizada como material de construción. Na parte superior ten tres “foculi” sobreelevados, frontón e cilindros aos lados; na parte frontal unha orla resaltada con decoración en zig-zag.

Ten dúas molduras aos lados. A inscrición está adicada aos lares viais. Atopouse en 1964 nun muro do lavadoiro da rectoral de Santa Baia de Camba

Contacto

Enderezo:
Rúa A, 28 baixo
36530 Rodeiro

Teléfono: 986 790 301

Fax: 986 790 195

O Centro Cultural Municipal conta, entre as súas dependencias, cun auditorio cun grande escenario de actuacións con dous camerinos e con asento para 96 persoas.

Nel teñen lugar actividades culturais como xornadas, conferencias, actuacións de teatro, ensaio da Coral Polifónica, ensaio do grupo de teatro de Rodeiro, ensaios do Grupo de Baile, reunións de veciños…

“A biblioteca pública é un servizo de existencia obrigatoria dos especificados no artigo 26.1.b) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, para todos os concellos que teñan máis de 5.000 habitantes, ou que conten cun núcleo urbano con poboación superior a 1.000 habitantes.

A competencia municipal respecto a esta materia está recoñecida nos artigos 25.2.m) da antedita Lei 7/1985, do 2 de abril e 80.2. da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, baixo o título “Actividades e instalacións culturais”.

Para redactar este regulamento tivéronse en conta as disposicións da Lei do Parlamento de Galicia 4/89, do 11 de outubro, de bibliotecas e mailo Decreto da Xunta de Galicia 24/95, do 20 de xaneiro, dos centros bibliotecarios fixos.

En consecuencia, apróbase o presente regulamento, polo que se establece o funcionamento Biblioteca Pública Municipal “Manuel Lamazares”, declarando expresamente o carácter de servizo público adscrito á Concellaría de Cultura.

Este regulamento entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días a que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local.

Servizo público da biblioteca e forma de xestión

• A Biblioteca do Concello de Rodeiro é un servizo público de titularidade municipal e de carácter obrigatorio que se presta en exercicio da competencia que prevé o artigo 25.2. m) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

• O Concello xestiona directamente o servizo da biblioteca municipal, a través da Concellería de Cultura, tendo a súa sede no Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” de Rodeiro.

• A biblioteca pública municipal de Rodeiro está integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia pola Orde da Cosellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 30 de setembro de 1999 (DOG. nº 209, do 28 de outubro de 1999) e con data de 31/10/2000, segundo o convenio asinado entre o Concello de Rodeiro e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e inscrita no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Finalidades da biblioteca

• A biblioteca municipal é unha institución que ten por finalidade facilitarlle ós cidadáns o exercicio do dereito á cultura e á información, divulgar a lectura e promover específicamente a lingua e a cultura galegas.

• A través da biblioteca municipal o Concello fomentará a lectura como medio de acceso ó pensamento e ás ideas humanas. Con esa finalidade desenvolverá periódicamente campañas de animación á lectura, especialmente entre os máis novos.

Rede de bibliotecas municipal

• A rede de bibliotecas municipal está composta pola biblioteca municipal, e as axencias de lectura que no futuro se puidesen crear.

• A biblioteca “Manuel Lamazares” é o punto principal da rede municipal de bibliotecas onde se centralizan as adquisicións de fondos, a organización e a catalogación.

• As axencias de lectura que se pudiesen crear nun futuro son puntos bibliotecarios municipais dependentes da biblioteca municipal “Manuel Lamazares”.

• A dirección técnica correspóndelle ó bibliotecario.

Dos fondos bibliográficos

• Os fondos bibliográficos están compostos polas adquisicións propias con cargo ós orzamentos municipais e ás doazóns de particulares ou entidades. Estarán a disposición do público debidamente catalogados e clasificados en diferentes seccións.

• A biblioteca municipal disporá dun catálogo dos fondos, con acceso para o usuario. Os catálogos responden á normativa internacional e, nun futuro próximo, os datos presentaranse informatizados, con descricións baseadas no formato MARC.

• A biblioteca municipal de Rodeiro disporá de publicacións periódicas, arquivándose na biblioteca aquelas que se consideran de interese, sendo norma xeral o arquivo durante unha semana para os xornais e un ano para as revistas.

• Os fondos, bibliográficos ou non, atópanse a disposición do público, de xeito gratuíto, para consulta nas salas ou préstamo a domicilio. O usuario terá ó seu dispor desideratas a través das que poderá propor novas adquisicións.

Servizos da biblioteca

• A biblioteca pública municipal presta os seguintes servizos básicos:

Información bibliográfica
Consulta en sala
Préstamo a domicilio
Hemeroteca
Sección infantil-xuvenil
Sección local
Acceso a Internet
Fotocopiadora

• A biblioteca terá unha sección local onde se conservarán obras e documentación relativas ó municipio ou de escritores que teñan relación co mesmo.

• A biblioteca dispón dunha sala de medios audiovisuais composta de equipos de ordenadores, para a reproducción de música e para a visión de vídeos que o usuario poderá utilizar. Así mesmo dispón dun fondo de discos compactos, CD-ROM e vídeos que serán obxecto de préstamo e utilización nesta sala.

• O Director da biblioteca deberá posuír titulación universitaria e contar con formación técnica nesa especialidade.

• O persoal auxiliar deberá ter unha titulación mínima de graduado escolar e posuír coñecementos de biblioteconomía básica.

Horario de atención ó público

• O horario de atención ao público da biblioteca municipal será de alomenos 35 horas á semana de luns a venres.

• Durante a tempada de verán adoptarase un horario continuado de mañá durante cinco días á semana.

• O horario de atención ó público figurará, en lugar visible, na entrada da biblioteca.

Coordinación cos centros escolares

O Concello promoverá a coordinación do funcionamento da biblioteca municipal coa do centro escolar do municipio, de conformidade coas directrices que sinale a Xunta de Galicia.

Acceso á biblioteca

Recoñéceselle a tódalas persoas o dereito a accederen en condicións de igualdade e sen discriminacións ás dependencias da biblioteca municipal e a obteren información sobre os seus servizos e sobre os procedementos de utilización. O exercicio dese dereito é libre e gratuíto.

Obrigas dos usuarios da biblioteca

• A consulta en sala poderá realizarse por calquera persoa sen necesidade de ser socio da biblioteca.

• As persoas que utilicen os servizos das bibliotecas están obrigadas:

o A respectaren os dereitos dos outros usuarios.
o A axustaren a súa conducta ós principios democráticos de convivencia, ás disposicións que contén este regulamento e ás instruccións, que en execución del, dicten as autoridades municipais ou lles dean os traballadores responsables das bibliotecas.
o A preservaren a integridade dos libros, materiais e instalacións das bibliotecas e a faceren un uso adecuado deles.

• Os fondos bibliográficos serán de libre acceso a excepción dos contidos nos depósitos que se poderán consultar a través dos catálogos.

• Os fondos audiovisuais atoparanse clasificados e, para o seu uso, consultaranse os inventarios que estarán a disposición do público.

• O persoal responsable da biblioteca adoptará as medidas precisas para garantir a boa orde nas salas de lectura e poderá excluír delas ás persoas que, por calquera motivo, a alteren.

Non está permitido comer nin fumar nas salas, así como tampouco non está permitida a entrada de bolsos de grande tamaño, mochilas ou similares que deberán deixarse na entrada da biblioteca, non facéndose responsable o persoal en ningún caso.

• Os teléfonos móbiles deberán permanecer apagados.

Uso dos equipos informáticos na sala

• O usuario deberá ser socio da biblioteca e ter cumpridos os 7 anos de idade para a utilización dos equipos informáticos.

• O acceso a internet non estará permitido a menores de 16 anos, agás cando os pais ou titores dean a súa conformidade por escrito ó persoal da biblioteca.

Non estará permitido o chateo, xa que o uso fundamental será a busca de información ou temas culturais.

• Cando existan varios usuarios demandantes dos equipos informáticos, o tempo máximo de uso será de 30 minutos, ata que volvan quedar libres os equipos.

• Os usuarios deberán traer folios para realizaren as impresións de documentos.

• Se algún usuario se aparta destas directrices, o persoal da biblioteca poderá rematar a sesión do usuario.

Do carné de socio

• Para se poder beneficiar do servicio de préstamo individual e uso de equipos en sala o usuario deberá dispor dun carné de socio.

• Para obter o carné de socio será preciso presentar unha solicitude, coa que se achegará unha fotocopia do documento nacional de identidade se é que a persoa está obrigada a telo, ou documento equivalente e unha fotografía.

• O carné de socio é persoal polo que, por norma xeral, non se poderán levar libros con carnés doutros usuarios con excepción feita daqueles que traian un permiso xustificado para tal fin e os pais de menores de 10 anos que poderán retirar libros cos carnés dos seus fillos sempre que vaian dirixidos a ditas idades.

• O primeiro carné será gratuíto, pero en caso de perda o usuario pagará un euro para obter unha segunda copia.

• Os socios comprométense a notificar os cambios de identidade, enderezo ou teléfonos que poidan ter desde o momento de faceren o carné de socio.

Préstamos a domicilio

• Os socios da biblioteca poderán levar en préstamo os fondos bibliográficos ou audiovisuais, se é o caso, mediante a presentación do carné de socio.

• Cada socio poderá levar 3 libros e 2 documentos audiovisuais. Os libros prestaranse por un prazo máximo de 15 días. Cando o número de páxinas sexa importante ou debido a algunha dificultade engadida ou causa xustificada, o usuario poderá renovar o prazo de préstamo por un período de 10 días, sempre a criterio do responsable da biblioteca. Os documentos audiovisuais prestaranse por un período dunha semana.

• Quedan fóra do dereito a préstamo:

o As enciclopedias e diccionarios e, en xeral, os de consulta frecuente.
o Os exemplares raros e de particular interese histórico, artístico e bibliográfico.
o Os exemplares únicos de custosa reposición.
o Outras obras que exclúa a dirección en atención ás súas características especiais.

• O préstamo realizarase ata 10 minutos antes do peche da biblioteca.

• O Alcalde ou Concelleiro de Cultura poderán autorizar o préstamo dalgunha obra restrinxida ó préstamo para exposicións, intercambio…

Sancións e responsabilidades

• A demora na devolución, o deterioro ou a perda dos fondos obxecto de préstamo, darán lugar á correspondente sanción, previa audiencia ó interesado. A competencia para resolver correspóndelle ó Alcalde ou, por delegación del, ó Concelleiro de Cultura.

• A sanción consistirá na suspensión temporal do dereito ó préstamo de fondos por un prazo mínimo de quince días e máximo de dous anos e na reposición dos fondos que lle foron prestados.

• As sancións imporanse con respecto ó principio de proporcionalidade e teranse en conta a gravidade do feito constitutivo da infracción e os criterios de intencionalidade, reiteración, natureza dos prexuízos causados e a reincidencia.

• En calquera caso, a persoa responsable do deterioro ou perda dun libro deberao repoñer pola súa conta ou indemnizarlle ó Concello o seu valor.

93-f-vilasecoO Centro Cultural Municipal de Rodeiro posúe unha colección de pintura doada polo artista José Luís Vázquez Vázquez, “Vilaseco”, en exposición permanente nunha sala que recibe o seu nome. Na Sala Vilaseco podemos atopar un total de 44 cadros de temática costumbrista galega.

O museo tamén ten na súa propiedade cadros de:

· J. Antonio Fondevila
· Armindo Salgueiro
· Gloria Alonso
· Antonio Taboada
· Marisa Míguelez
· Carmen Payo
· Evaristo López
· Soraya Prieto
· Randolfe

O Pintor

O Centro Cultural Municipal de Rodeiro posúe unha colección de pintura doada polo artista José Luís Vázquez Vázquez, “Vilaseco”, en exposición permanente nesta sala que recibe o seu nome.

D. José Luís Vázquez naceu precisamente en Vilaseco, no Concello de O Pino, o 25 de decembro de 1936. É Oficial do Exército de Terra retirado, Cabaleiro da Real e Militar Orden de San Hermenexildo e da Serenísima Orden de Cabaleiros e Damas do Camiño de Santiago e Medalla de Bronce de Galicia no ano 2004.

Foi fundador da Asociación Artístico-cultural de Pontevedra e cofundador da Asociación para a defensa dos dereitos dos animais e da revista cultural Contrastes de Pontevedra. Pintor cualificado e prestixioso comentarista de arte realizou ó longo da súa carreira máis de 30 exposicións colectivas e máis de 50 exposicións individuais. Esta pinacoteca conta cun total de 44 cadros de temática costumbrista galega.

Vilaseco é un artista que camiña a través dun mundo arcaicamente galego, perdéndose de forma premeditada entre os ritos e costumes dos nosos antergos. Quere redescubrir e mostrar no lenzo a memoria de tradicións esquencidas e os valores humanos xa seculares da cultura galega. Cadanseu cadro é a representación dunha historia. Deterse ante a súa obra é recrearse fronte ós feitos que nos contaron os que nos precederon ou rememorar algúns outros que quedaran prendidos na retina da nosa infancia.

A súa obra é feita con sentimento e elaborada con inxenuidade, onde o pintor busca, máis que o contido dun facer academicista, a representación que con ela latexa nos corazóns da xente da nosa terra galega.

Entre os materiais de carácter etnográfico cómpre salientar os seguintes tipos de pezas, atendendo á materia prima na que foron elaboradas:

1. Líticos
Moas de muíño manuais de época histórica, moas de muíños hidráulicos.

2. Cerámicos

3. Metálicos
Diversos trebellos relacionados co traballo tradicional do liño, varios elementos de cociña: Pote, trespés, gramalleira, tixola…, unha balanza de pratos co seu xogo de pesas, unha balanza tradicional, das chamadas “romanas”, roldana, un ferro (“plancha”), unha policopiadora antiga (“vietnamita”).

4. Lígneos
Diversos trebellos relacionados co traballo tradicional do liño, varios aparellos propios do oficio de carpinteiro, pás de recoller a fariña do muíño, maquías de muiñeiro,morteiros pequenos.

5. Vítreos

6. Mixtos
Diversa ferramenta relacionada co traballo tradicional do liño, varios aparellos propios do oficio de carpinteiro: Serras, garlopas…, varias fouces e fouciños, unha aventadoira, unha sementadoira, un tallador ou medidor de altura das persoas, candís.

Entre os materiais de carácter arqueolóxico que integran a “Colección de Rodeiro” convén destacar os seguintes tipos de pezas, atendendo á materia prima na que foron elaboradas:

1. Líticos

Morteiros, muíños de vaivén, muíños rotatorios, laxe cistoidea decorada, tampa sepulcral medieval, ara romana, lastras prehistóricas decoradas.

2. Cerámicos
Fragmentos de olería castrexa, fragmentos de ánforas romanas, fragmentos de cerámica común romana, fragmentos de cerámica fina de mesa romana, fragmentos de tégulas e ímbrices romanos, fragmentos de ladrillos e “opus caementicium” romanos.

3. Metálicos
Ferramentas diversas de época gálico-romana, restos de armas de época gálico-romana, restos de escouras.

Aínda que non moi numerosos, documéntase a presencia de diversos restos arquitectónicos que terían constituído parte destacada de algunhas construcións históricas ou de carácter popular, como poden ter sido hórreos, cruceiros, etcétera.

Atendendo á súa función edilicia podemos establecer dúas categorías principais de obxectos:

1.- Estruturas sustentantes: Elementos de columnas: Basas, fustes, capiteis…
2.- Elementos decorativos: Moldura abocelada, pináculo, modillón.

Fósiles e Minerais

Entre as diversas pezas que conforman a “Colección de Rodeiro” convén destacar a presencia dun reducido aínda que significativo grupo de fóseis e minerais de orixe natural dotados de singularidade específica por canto respecta á súa escaseza e curiosidade formal.

Tendo en conta á súa natureza clasificatoria dual encontrarémonos con dúas categorías de elementos diferentes:

1.- Restos fóseis: Fóseis fitomorfos, fóseis malacomorfos.
2.- Amostras minerais: Bloques de cuarzo blanco.

Moedas

Existen actualmente un total de vinte numismas españois fóra de circulación, que corresponden na súa totalidade a exemplares concretos de series emitidas ao longo do último tercio do século XIX e primeiro tercio do século XX. Entre as moedas identificadas podemos destacar as pertencentes aos gobernos de:

. Isabel II
. Goberno Provisorio
. Alfonso XII
. Alfonso XIII
. Primeira República