O Sr. alcalde asinou a convocatoria da sesión extraordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro mércores día 1 de febreiro de 2012, ás 9 horas da mañá, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte Orde do Día :
Único - Debate e aprobación se procede dos acordos que se inlúen na solicitude de convocatoria de pleno extraordinario asinada polos concelleiros Sres. Vence Deza, García Deza e Hermida Cidre, con data 19/01/12 (R.E. núm 69), relativos á oposición ao actual sistema de incineración de residuos sólidos urbanos e á construción dunha planta incineradora no concello do Irixo por parte da empres Estela Eólica S.L., nos termos establecidos no escrito que se achega.
O Concello de Rodeiro, co ánimo de promover o turismo e os hábitos saudables entre veciños e visitantes, vén de programar un calendario de rutas de sendeirismo que posibilitará, amais da práctica do deporte, o coñecemento e posta en valor das riquezas naturais e paisaxísticas e do rico patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico que atesoura Rodeiro. As rutas desenvolveranse entre os meses de marzo a novembro, agás xullo e agosto, a razón dunha por mes segundo a seguinte planificación :
Sendeirismo Ruta PRG-7 - Domingo 18/03/2012 09:00 h
Sendeirismo Ruta de Oseira - Domingo 22/04/2012 09:00 h
Sendeirismo Ruta dos Castros - Domingo 20/05/2012 09:00 h
Sendeirismo Ruta dos Muíños - Domingo 10/06/2012 09:00 h
Sendeirismo Ruta do Arnego - Domingo 23/09/2012 09:00 h
Sendeirismo Camiño de Inverno - Domingo 21/10/2012 09:00 h
Sendeirismo Ruta do Norte - Domingo 11/11/2012 09:00 h
Oportunamente, coa antelación suficiente ao desenvolvemento de cada unha das rutas, informarase a través da presente web das características, distancia, perfil, lugar e prazo de inscrición, e demais información relevante para os interesados en participar na actividade.
Por mor da demora no remate das obras de acondicionamento que se están levar a cabo no Ximnasio Municipal de Rodeiro, unido á situación de baixa laboral do monitor deportivo encargado das instalacións, prorrógase o peche temporal do ximnasio ata nova data que se comunicará oportunamente.
Pregamos desculpen as molestias.
O Plan de sectorización do solo urbanizable non delimitado de carácter industrial (S.UR.ND.I-1), promovido por CONEJOS GALLEGOS COGAL, S. COOP. GALEGA, na parroquia de Álceme e que foi aprobado pola Xunta de Goberno Local deste Concello, na sesión ordinaria celebrada o día 11 de xaneiro de 2012, atópase en período de información pública dende o día da data e por espazo dun mes dende a publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Aos citados efectos, a documentación completa poderá ser consultada nas oficinas do Concello (Departamento de Urbanismo), en horario de atención ao público.
Dende o pasado mes de outubro do 2011 o Instituto Nacional de Estatística (INE) está a realizar o censo de poboación e vivendas 2011. A información que lle proporcionen é confidencial e está protexida polo segredo estatístico. Dita información empregarase para coñecer as características da poboación e poder planificar e organizar os servizos públicos e privados. non se emprega para fins catastrais nin para o cobro de impostos.
A participación nesta estatística é obrigatoria. pode que pase pola súa casa un axente censal debidamente acreditado para recabar os datos precisos. Por favor préstenlle a colaboración que precise para a realización do seu traballo .
O vindeiro 16 de xaneiro darán comezo as actividades extraescolares polas tardes no colexio, encadradas dentro do Programa de apertura do CPI fóra de horario lectivo e dirixidas a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos.
Dentro das actividades ofertadas están:
- Espazo de estudo
- Aula de apoio e reforzo de aprendizaxe para alumnado de primaria e secundaria
- Actividades deportivas: o corpo en movemento.
- Venres temáticos
- Actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, animación á lectura, inglés…
O horario será de 16:30 h. a 19:30 h. de luns a xoves e os venres dende as 14:00 h. ata as 19:30 h. Tamén se pode matricular nunha actividade en concreto como aula de apoio ou novas tecnoloxías…
Dende o 16 ata o 20 de xaneiro poderase realizar a matrícula no servizo de educación familiar do concello (preguntar por Ana). Para aqueles rapaces e rapazas que xa estaban matriculados dende outubro non será preciso voltar a realizar a matrícula, só renovar a autorización.
As cotas a pagar estarán en función das horas de asistencia, con dereito a diversas reducións e exencións en función da ordenanza reguladora.
O vindeiro 5 de Xaneiro visitaranos os Reis Magos de Oriente.
Ás 16:00 h
haberá na praza do Concello música na rúa e cabezudos, para logo ás 17:00
comezar a cabalgata. Ás 17:50 entregaranse os premios do concurso de postais
navideñas. E por último,ás 18:00, a actuación teatral de man de Viravolta.
Esta actividade está dirixida especialmente a aquelas persoas maiores de 17 anos que abandonasen os estudos sen obter a titulación básica. Hoxe en día o Título de ESO é un requerimento fundamental tanto para o acceso ao mercado de traballo como para o acceso a formación complementaria como ciclos de formación profesional, cursos para desempregados…
O período de matrícula abrangue do 2 ao 16 de xaneiro do 2012, ambos inclusive. No servizo de educación familiar do Concello estará dispoñible o formulario de matrícula para cumplimentar.
As clases desenvolveranse martes e xoves en horario de 20:00 a 21:30 h. no Centro Cultural Manuel Lamazares.
O grupo de traballo será reducido e os horarios poden axustarse ás necesidades e expectativas dos participantes.
Custe da actividade: 20 € mensuais por participante
Para máis información contactar con Ana, educadora familiar. Tfno: 986790185, e-mail: educadora@rodeiro.org
O Sr. alcalde asinou a convocatoria da sesión ordinaria do Pleno do Concello que se celebrará o vindeiro luns día 2 de xaneiro de 2012, ás 10 horas da mañá, no salón de sesións da Casa do Concello, de conformidade coa seguinte
O alcalde e a Corporación municipal desexan aproveitar estas agarimosas datas para achegarvos un cálido e afectuoso saúdo, convidándovos a unir ilusións e esforzos que permitan situar ao noso Concello no lugar de progreso que merece na Galicia Interior.
Desexamos a toda esa familia o mellor Nadal e un ano 2012 coa saúde, felicidade e a determinación necesaria para afrontar con esperanza e moderado optimismo os importantes retos que nos depara o futuro.
A Concellería de Cultura do Concello, co gallo das festas de Nadal, organiza un espectáculo de maxia para tódalas idades o vindeiro luns día 26 de decembro ás 18:00 h da tarde, no Centro Cultural Municipal "Manuel Lamazares". Actuarán os magos Gerardo Martínez e Roberto Lolo.
Comunícase para xeral coñecemento que entre os días 26 de decembro de 2011 e 2 de xaneiro de 2012, ambos inclusive, as instalacións do Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares” de Rodeiro abrirán ao público unicamente en horario de mañá, entre as 10 e as 14 horas.
Con motivo das festas navideñas, a proposta do Sr. alcalde e coa conformidade dos voceiros dos diferentes grupos políticos municipais, a sesión ordinaria do Pleno do Concello prevista para o vindeiro luns día 26 de decembro de 2011 aprázase ata o día 2 de xaneiro de 2012, á mesma hora.
Poderán acollerse ao programa Termalismo Social-Imserso todas aquelas persoas que sexan pensionistas e conten cunha idade mínima de 60 anos.
O prazo de presentación de solicitudes para a primeira quenda rematará o día 17 de Xaneiro de 2012.
Para máis información e formalización de solicitudes, poderán achegarse ao departamento de Servizos Sociais do Concello.
Na descarga asociada tamén poderedes atopar máis información.
Comunícase aos usuarios e interesados en xeral que dende o vindeiro día 19 de decembro ata o 4 de xaneiro do 2012 os Servizos Sociais do Concello de Rodeiro permanecerán pechados por motivo das vacacións da traballadora social.
O Concello de Rodeiro colabora coa asociación ACODE na iniciativa “A Ilusión dun Xoguete novo”, que consiste en recaudar fondos para a compra de xoguetes novos destinados aos nenos e nenas da Comarca do Deza que pertencen a familias en situación de dificultade económica.
O domingo 18 de decembro desenvolverase unha comida benéfica no Hotel Torres do Deza. As entradas para esa comida custan 20 € para adultos e 10 € para nen@s. Ademais existe unha fila 0 a través da que cada persoa pode colaborar sen acudir á comida.
As entradas poden recollerse no Concello de Rodeiro (servizo de educación familiar), no hotel Torres do Deza e nos distintos puntos de difusión de cada un dos concellos da comarca.
Poderán participar no concurso tod@s @s nen@s e xóvenes ata os 18 anos.
Concederanse tres premios en cada unha das categorías establecidas.
Na valoración dos traballos teranse en conta a calidade e a orixinalidade especialmente.
Os premios consistirán en lotes de libros e material educativo. Tod@s @s participantes recibirán un diploma pola súa contribución ao concurso.
Os traballos deberán entregarse na Biblioteca Municipal ou envialos por correo á seguinte dirección:
Centro Cultural Municipal “Manuel Lamazares”
Rúa A, 28 36530 Rodeiro
O prazo para a presentación dos traballos finaliza o día 20 de decembro de 2011.
Os premios e diplomas serán entregados nun acto público organizado polo Concello de Rodeiro.
Máis información nas bases do concurso dispoñibles como descarga asociada.
Recordamos a aquelas persoas interesadas en obter o Título de Monitor de Tempo Libre, homologado pola Xunta de Galicia, que aínda están a tempo de matricularse dado que se amplia o prazo ata cubrir as prazas.
Este título capacita para traballar en campamentos de verán e urbanos, actividades extraescolares, residencias de maiores, ludotecas…
O curso consta de 200 horas teórico-prácticas que se celebrarán os sábados e 150 horas de prácticas.
Para contactar: 986790185 ou no e-mail educadora@rodeiro.org
O Pleno do Concello, na sesión ordinaria celebrada o día 31 de outubro do corrente, aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio de 2011. De conformidade co previsto no artigo 150.1 do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, o orzamento exponse ao público por espazo de quince días hábiles, contados a partires do día seguinte ao da publicación do correspondente Edicto no BOP, para que se poidan formular, no seu caso, as reclamacións que sexan pertinentes.
Na descarga asociada publícanse o resume por capítulos, o presuposto de ingresos por clasificación económica e o presuposto de gastos por programas.
No Boletín Oficial da Provincia (BOP) núm. 23, correspondente ao día 4 de novembro de 2011, figura inserto un anuncio da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar no que se dá publicidade ao calendario laboral do ano 2012. As festas de carácter local para o ano 2012 no Concello de Rodeiro, segundo o acordado polo Pleno municipal na sesión celebrada o día 29 de agosto do corrente, serán as seguintes :
- 21 de febreiro (Martes de Entroido)
- 18 de xuño (Santo Antonio)
O título de monitor/a de tempo libre capacita para deseñar, programar, por en práctica e avaliar actividades para o tempo libre e socioculturais orientadas para a atención tanto da infancia E xuventude, como das persoas maiores ou con necesidades especiais.
Un monitor/a de tempo libre pode traballar en:
• Centros socioculturais.
• Asociacións xuvenís.
• Campamentos de verán ou urbanos.
• Albergues.
• Concellos.
• En colexios e en actividades extraescolares.
• En escolas infantís, garderías ou puntos de atención á infancia.
• En empresas de lecer e tempo libre, de animación ou turísticas.
O curso consta de 200 horas teórico-prácticas e 150 horas de prácticas.
• Os requisitos para poder participar no curso son:
• estar en posesión do graduado en ESO, EXB ou equivalente
• estar en posesión do título de técnico auxiliar en formación profesional ou equivalente
• ser maior de 18 anos
O desenvolvemento do fase teórico-práctica do curso será durante os fins de semana:
• Sábados de 09:00 a 14:00 h. e de 16.00 h. a 21:00 h.
• Domingos: de 09:00 h. a 14:00 h.
(os horarios poderán ser modificados en función das necesidades dos participantes)
O Concello de Rodeiro organiza clases de aerobic para todos aqueles que queiran asistir. As clases impartiranse os luns e mércores en horario de 22:15 a 23:00 , a partir do luns 10 de outubro. Terán un prezo de 20€. A inscrición deberá realizarse no ximnasio municipal.
As actividades de carácter extraescolar dependentes do Concello de Rodeiro desenvolveranse de luns a venres en días lectivos, en horario de 16:30 horas a 20:30 horas de luns a xoves e os venres de 14:00 h. a 20:30 horas, dentro das instalacións do centro educativo.
Programáronse gran variedade de actividades tanto para os rapaces e rapazas de infantil e primaria, coma tamén actividades dirixidas en exclusiva para os adolescentes de 12 a 16 anos. Desenvolveranse accións de estudo e reforzo educativo, predeporte para os máis pequenos/as e fútbol- sala e baloncesto para os de maior idade, podendo traballar outro deporte se a demanda así o require.
Tamén se abordarán as novas tecnoloxías relacionadas coa educación, traballarase animación á lectura e habilidades sociais.
Ademais, os venres de 14:00 a 16: 00 horas está programado o “Campus Deportivo”, dirixido a rapaces e rapazas de 12 a 16 anos, no que a través do deporte se traballará a cohesión grupal e habilidades sociais básicas.
Ata a vindeira semana está aberto o prazo de matrícula, podendo o asistente participar en todas as actividades de cada xornada ou só matricularse naquelas accións concretas que sexan do seu interese.
Para máis información acudir ao servizo de educación familiar do concello: tfno 986790185, e-mail educadora@rodeiro.org.
Por mor da alta probabilidade de incendios forestais nesta época, a Dirección Xeral de Montes vén de prohibir a utilización de fogos de artificio en aqueles concellos cun Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI) de nivel extremo, dato que se actualiza diariamente. Dada a época estival na que nos atopamos e as numerosas festas patronais das parroquias e outros eventos nos que tradicionalmente se utilizan os fogos artificiais, recoméndase aos organizadores de ditas festas que, antes de utilizar fogos, consulten o dato diario do IRDI no enlace adxunto, ou ben a través do teléfono 986805327 do Servizo Provincial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Pontevedra, facéndose responsables en caso contrario das eventuais consecuencias que se produzan pola utilización dos fogos en días non autorizados.