Prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero

1 Marzo, 2018 Concello de Rodeiro

Obxecto:

Proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Requisitos das beneficiarias:

  • Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero .
  • Ter cesado a convivencia co agresor.
  • Estar empadroada e ter residencia efectiva na CA de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, ter permiso de residencia. No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
  • Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou que estes sexan de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor .
  • Reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados anteriormente.
  • Non ter percibido esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27º da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade.

Natureza e contía das prestacións:

A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período empeza o mes da solicitude.

Prazo de presentación:

Permanecerá aberto con carácter permanente durante todo o ano.

Para maior información e trámite de solicitudes poderán achegarse ao departamento de servizos sociais do concello de Rodeiro.